Wednesday 24 de April de 2024

Moita participación no consello parroquial de Entrecruces, o primeiro dende que empezou a pandemia


A próxima xuntanza está prevista para o xoves 12 no Centro Social de Rus

Os consellos parroquiais están de novo en marcha. O primeiro dende o inicio da pandemia celebrouse este martes en Entrecruces, con moita participación. Arredor de 30 persoas encheron o Centro Social, no que tamén se van recuperando pouco a pouco outro tipo de actividades.

O alcalde, Evencio Ferrero, informou á veciñanza sobre a aprobación do proxecto de abastecemento de auga a Entrecruces, que está pendente dos informes sectoriais para poder iniciar o procedemento de contratación e executar a obra o ano que vén. O investimento acada os 530.000 euros.

Ademais do alcalde, na xuntanza participaron representantes de todos os grupos da corporación municipal, así como do movemento asociativo da parroquia e veciños e veciñas a título individual. Por parte da veciñanza presentáronse solicitudes de distintas actuacións, fundamentalmente de limpeza de vías, alumeado, xestión de residuos, posta a punto de elementos etnográficos e acondicionamento de espazos de ocio para infancia e maiores. Outra cuestión, que ademais repítese en varios consellos, é o control da actividade madeireira, dados os danos que provocan os vehículos nos camiños.

Mañá xoves reunirase o Consello Parroquial de Rus, tamén ás 20.00 horas. As próximas xuntanzas serán nos centros sociais de Verdillo, o día 19; Ardaña, o 24; Imende (Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos), o 26, e Vilela, o 31.